Logo de Cascarilla Tech
  • Quen somos
  • Novas
  • Eventos
  • As nosas amigas
  • Colaboradoras
  • Dossier
  • Faite socio/a

Código de conduta

Un día con IA · 21 de novembro de 2026 · Cidade das TIC, A Coruña

Un día con IA é unha xornada para aprender, compartir e coñecer xente. Queremos que todas as persoas que veñan —sexa cal sexa a súa experiencia, perfil técnico ou procedencia— se sintan benvidas, seguras e cómodas. Este código aplícase a asistentes, poñentes, organización, empresas colaboradoras e persoal do local, durante toda a xornada e tamén nos canais online do evento.

1. Que esperamos de ti

  • Trata con respecto e amabilidade a todas as persoas, aínda que o ambiente sexa informal a túa actuación pa ra os demáis debe ser educada.
  • Escoita e deixa que a outra persoa remate de falar. Non hai preguntas «tontas».
  • Usa unha linguaxe inclusiva; mide as bromas, que poden non ter graza para quen as recibe.
  • Respecta o espazo persoal e pregunta antes de tocar, fotografar ou gravar a alguén.
  • Respecta as normas do local e o traballo de quen o coida.
  • Se ves que alguén o está pasando mal, avisa á organización.

2. Que non toleramos

  • Insultos, comentarios ou bromas sexistas, racistas, homófobas, tránsfobas, capacitistas ou que discriminen por calquera outra característica persoal.
  • Acoso, intimidación, persecución, atención sexual non desexada ou contacto físico non consentido.
  • Agresións físicas ou ameazas de calquera tipo.
  • Fotografar ou gravar a persoas que pediron non facelo, ou publicar imaxes que as poñan en evidencia.
  • Interromper de forma reiterada, monopolizar a palabra ou boicotear charlas e conversas.
  • Contido sexualmente explícito ou violento en charlas, diapositivas, demos ou stands.
  • Calquera conduta que razoablemente poida entenderse como hostil, humillante ou que faga sentir inseguro a alguén.

Estas normas aplícanse tamén ás charlas, ás ferramentas de IA e aos exemplos que se amosen nelas: non valen dobres raseiros por ser «código», «datos» ou «un modelo».

3. Que facer se hai un problema

Se alguén te molesta, ou ves que molestan a outra persoa, di algo á organización canto antes. Non fai falta que esteas seguro/a de que «é para tanto».

  • No evento: fala con calquera persoa da organización ou na mesa de acreditación.
  • Por correo: escríbenos a asociacion@cascarillatech.org, tamén despois do evento.

Tratamos cada caso con discreción e só compartimos a información imprescindible para resolvelo. Se o prefires, podes pedir que a denuncia sexa confidencial. Se hai perigo inmediato ou un delito, chama ao 112.

4. Consecuencias

A organización poderá tomar as medidas que considere necesarias, entre elas:

  • Falar coa persoa infractora e pedirlle que cambie de actitude.
  • Pedirlle que abandone unha charla, un espazo ou o evento.
  • Expulsala do evento sen dereito a reembolso da entrada.
  • Vetar a súa participación en futuros eventos de Cascarilla Tech e Coruña JUG.
  • Nos casos graves, informar o local e, se procede, as autoridades.

As decisións da organización durante o evento son finais, sen prexuízo de que poidas escribirnos despois para que revisemos o caso.

5. Quen o organiza

Un día con IA organízano Cascarilla Tech e Coruña JUG, coa colaboración de empresas patrocinadoras e do local que nos acolle.

6. Revisión

Este código pode mellorar co tempo. Calquera cambio publicarase nesta mesma páxina. Se cres que lle falta algo, cóntanolo.

← Volver a Un día con IA

© 2026 Asociación Cascarilla Tech. CIF G27653849

A Coruña, Galicia

Aviso legal · Política de privacidade